CRTVG

Buscar

Cataluña muda o sistema de reconto e dobra o número de mortos pola COVID-19

Publicado o 16/04/2020 07:13

O número de vítimas por coronavirus en Cataluña desde o comezo da pandemia elévase a 7.097 segundo un novo sistema de reconto adoptado polo Departamento de Saúde da Generalitat, baseado en información achegada polas empresas funerarias.

Do total de vítimas declaradas polas funerarias, 1.810 morreron nunha residencia de maiores, 62 nun centro sociosanitario e 456 nun domicilio, mentres que os restantes morreron en hospitais ou son casos "non clasificables por falta de información", informou o Departamento de Saúde nun comunicado.

O comunicado inclúe igualmente o sistema de reconto utilizado ata o de agora, cos datos de defuncións facilitados exclusivamente polos hospitais, que cifra en 3.855 o número de vítimas a día de hoxe.

Ademais, hai 39.375 casos positivos de coronavirus confirmados por unha proba diagnóstica (test rápido ou PCR), mentres que hai 55.457 casos posibles de infección. Estes últimos son "persoas que presentan síntomas e que un profesional facultativo clasifica como posible caso", segundo o Departamento de Saúde.

Desde o comezo da pandemia ata o de agora foron ingresadas de gravidade nos hospitais 2.798 persoas, pero actualmente son 1.307.

Do total de casos positivos en toda Cataluña, 5.712 son profesionais sanitarios e 5.755 profesionais de residencias, e desde o comezo da pandemia contabilizáronse ata o de agora 17.297 altas hospitalarias de persoas con covid-19.

En canto ás residencias de xente maior, un total de 5.229 persoas foron confirmadas como positivas de coronavirus e 7.069 son casos sospeitosos.

Antes de facilitar estes datos, o Departamento de Saúde informara previamente de que culminara "hoxe un proceso de ampliación dos datos que comunica diariamente sobre o impacto da COVID-19 en Cataluña".

Lembraba que os datos que facilitaba ata o de agora "eran oficiais e recollían, a través dos hospitais cataláns, as persoas mortas neste tipo de centros" e anunciaba que "a partir de hoxe, e seguindo coa premisa de dar a máxima información que se ten ao alcance, tamén se dan datos de defuncións en residencias e domicilios de toda Cataluña".

"Isto é froito do desempeño da orde dada polo Departamento ás empresas de servizos funerarios de Cataluña de comunicar este tipo de información", engadía.

"Desde hoxe, o Departamento de Saúde modifica o reconto das defuncións ideando, de forma pioneira, unha base de datos específica que recolle estas defuncións de maneira exhaustiva e que foi posible poñer en marcha en pouco tempo", recalcaba.

Para facelo posible, recorreuse ás empresas de servizos funerarios de Cataluña, tanto ás grandes coma ás pequenas, que agora "comunican a Saúde, de forma individualizada e con total fiabilidade e exhaustividade, o número de defuncións por covid-19 en residencias e domicilios".

Saúde xa anunciaba que "esta mellora da exhaustividade no reconto das defuncións por coronavirus" comportaría "un aumento evidente deste número de defuncións" e advertía de que debido a esta modificación no reconto "calquera comparativa con datos anteriores non será axustada á realidade e calquera interpretación en relación con estes corre o risco de ser errónea".