Cataluña detecta cinco casos da variante Delta plus da covid-19
A comunidade científica vixía a nova mutación da variante Delta do coronavirus, a Delta plus, que está a aumentar significativamente os contaxios no Reino Unido. Esta mañá o conselleiro de Saúde da Generalitat afirmaba que en Cataluña xa hai cinco casos. Son os primeiros contaxios detectados en España desa mutación.
As autoridades sanitarias e a comunidade científica internacional seguen a vixiar a nova mutación da variante Delta do coronavirus. É a delta plus, máis contaxiosa e que está a facer medrar os casos en países coma o Reino Unido. Aquí en España a ministra de Sanidade, Carolina Darias, dicía o venres que no noso país non se detectara polo momento ningún caso desa variante...
Esta sábado o conselleiro de Saúde da Generalitat alertaba de que a variante delta plus xa chegou a Cataluña. Detectáronse polo momento cinco casos.
Josep Maria Argimon, conselleiro de Saúde da Generalitat, asegurou que, de momento, os casos desta nova variante delta plus aparecida no Reino Unido "son anecdóticos", porque se poden contar cos dedos dunha man, ao seren cinco, pero engadiu que "esta tarde diranme algún máis, seguramente", xa que cando comezan a aparecer casos, despois seguen aumentando.
O conselleiro catalán pedía "prudencia" aos cidadáns ante a presenza desa nova mutación en Cataluña. A variante delta plus, que se confirmou por primeira vez no Reino Unido o verán pasado, identificouse xa en polo menos uns 45 países.