CRTVG

Buscar

Cataluña, Cantabria e Euskadi entran este venres na nova normalidade

Publicado o 18/06/2020 18:10

 

 

O Goberno catalán decidiu que as doce desta noite Cataluña abandone a fase 3 da desescalada e entre xa na nova normalidade, que o presidente da Generalitat, Quim Torra, denominou "etapa de recuperación" e que iniciará dous días antes de que acabe o estado de alarma en España. 

Torra asinou este xoves un decreto aproveitando que, ao entrar hoxe Barcelona e Lleida na fase 3, e con elas toda Cataluña, a Generalitat recuperou todas as competencias

O decreto establece que as persoas estarán obrigadas a gardar a distancia de 1,5 metros e a levar máscara sempre que esta non se poida respectar, e basicamente traslada a responsabilidade de que non haxa rebrotes ao comportamento da cidadanía. 

O presidente da Generalitat asegurou que xestionará esta nova "etapa de recuperación", de momento con pouca regulación, con plans específicos para cada sector, pero sempre baixo as premisas de manter a distancia de seguridade, hixiene de mans ou uso de máscaras. 

"Agora que chega o período de vacacións e as festas de Sant Joan, temos que ser máis prudentes que nunca para que un exceso ou imprudencia non nos obrigue a volver atrás", dixo  Torra, que avanzou: "Non me tremerá a man para tomar as decisións que sexan necesarias para velar pola saúde dos cidadáns". 

Torra volveu reprochar que "outro estado de alarma era posible" e criticou de novo que o Goberno español optara por "centralizar" sen "diálogo". 

En concreto, a Generalitat regulou que a distancia mínima de seguridade será de 1,5 metros entre persoas, igual que a establecida polo Goberno, tanto en espazos pechados como ao aire libre, co equivalente a un espazo de seguridade de 2,5 metros cadrados de superficie por persoa nos locais de concorrencia pública. 

As máscaras serán obrigatorias para todas as persoas a partir dos 6 anos cando non se poida manter esta distancia. 

Desde mañá e ata o día 25 de xuño establécese unha ocupación do 50% nos locais pechados e do 75% nos que están abertos, segundo a conselleira de Saúde, Alba Vergés, para que a adaptación sexa máis fácil. 

Tras o 25 de xuño, "cambia o concepto", as porcentaxes de ocupación, que "quedan ben sobre o papel" pero son difíciles de concretar para os cidadáns, desaparecen e confíase na responsabilidade de todos para evitar novos rebrotes, indicou Vergés. 

Situación do virus en Cataluña

Que o virus segue circulando en Cataluña, que xa suma 12.491 falecidos por Covid-19 desde o inicio da epidemia, evidénciase en que 40 dos 1.053 xeriátricos que hai nesta comunidade seguen en situación grave de coronavirus, con persoas infectadas, internos illados e sen permitir as visitas. 

Outros 279 xeriátricos teñen contaxiados pero, segundo Saúde, son casos controlados e están en fase de estabilización, mentres que a maioría, 727, están libres do virus e o resto están pendentes de valoración. 

Cataluña entrará na nova normalidade cando leva un total de 104 días consecutivos, desde o 6 de marzo, rexistrando mortes por Covid-19, cunha punta máxima de 416 falecidos nunha soa xornada o 30 de marzo, mentres que na última semana houbo unha trintena de defuncións, a falta de novas notificacións.  

Aínda quedan 75 persoas ingresadas por Covid-19 nas UCI, que chegaron a estar ocupadas por case 1.600 infectados ao mesmo tempo na punta da epidemia.  

O Concello de Barcelona anunciou que reabrirá mañá todos os parques infantís da cidade, pechados desde hai tres meses, e que extremará a hixiene, cambio de area e limpeza nestes recintos para nenos. Ademais, moitos hoteis da cidade comezaron os preparativos para volver abrir as súas portas nos próximos días.

O País Vasco e Cantabria tamén avanzan cara á nova normalidade

Tamén o País Vasco. En Bilbao, queda un brote no hospital de Basurto, pero o lehendakari di que está controlado.

Hai outro foco en Cádiz. Illaron un hostal de Alxeciras por un falecido e polo menos tres contaxiados.

O ministro de Sanidade di que pode chegar unha segunda onda do virus, pero cre que sería menos grave. E afirma que España está agora mellor preparada para detectalo e actuar con contundencia.

Despois de tres meses, o domingo rematan as restricións de mobilidade en toda España. Haberá controis nos aeroportos e faranse tests a todas as persoas que presenten síntomas ou que estivesen en contacto con algún positivo.