Catro estudantes galegos levan semanas intentando regresar de Chile
Catro universitarios galegos levan semanas intentando regresar á casa dende Chile. Fracasaron os seus intentos de voltar en voo comercial ou de repatriación. Véncelles o seguro médico e o visado, e séntense desamparados polo consulado de España.
Cos primeiros sinais de alerta que chegaron do exterior eles xa se mobilizaron: iniciaron un confinamento voluntario cando a corentena foi decretada en España, e pediron consello no consulado, onde os tranquilizaron.
Tiñan o regreso previsto para o verán. Pero en abril xa non dubidaron máis: querían saír de Chile e volver á casa, así que contrataron un voo para o 17 de maio pero foi cancelado. O mesmo que lles pasou co do día seguinte.
Atoparon entón un recurso no voo fretado polo Ministerio de Exteriores para repatriar españois. Pero as súas xestións co consulado non resultaron.
Mentres continúan coas clases telemáticas, a súa preocupación non deixa de medrar vendo como evoluciona a pandemia en Chile. Ademais, tal e como comenta Claudia Varela, vailles vencer o visado e o seguro médico "e aquí é carísimo custear algún tratamento sen un seguro médico".
O ás que teñen agora na manga é un voo previsto para volver a Galicia o 30 de maio. Cruzan os dedos para que non se cancele.