Castro de Rei continuará no nivel alto pola elevada incidencia
Hoxe é mércores e iso significa que Castro de Ribeiras de Lea celebra a súa feira semanal, en que é tradición ir tomar o polbo. Normalmente congrega moita xente cara ao mediodía, pero hoxe víase menos.
"Si, moita menos, pero ben hoxe tamén hai moitas feiras, ao ser día un, pero si que se nota porque a xente a maioría a que estea mala está confinada e a que non queiras que non tamén terá medo de saír e de xuntarse", comenta María Jesús Peteira , feirante. "Eu fago as compras e métome para dentro e non saio xa, en toda a tarde non saio da casa", fala unha veciña.
O concello ten 51 contaxios activos, moitos derivados das festas, pero tamén se fala dun gromo nun pub.
"Din que o gromo puido saír aí dese pub que se chama O Paso, pero a verdade é que eu tampouco podo dicir nada porque non o sei realmente", apunta unha rapaza.
Os máis de 1.000 casos de incidencia deixan o concello no nivel alto en que entrou a semana pasada coas restricións que iso supón, por exemplo no horario de peche.
"Era ás 3 e agora restrinxiron ata a 1 e nestes locais nocturnos pois xa ves afectou moitísimo", laméntase Nancy Carracedo, hostaleira As restricións tamén se deixan sentir na feira.
"Esta mañá por exemplo estivo a Garda Civil, a semana pasada tamén asegurándose que se cumpre o aforo e as medidas que están impostas claro", explica Javier Muñiz, polbeiro.