CRTVG

Buscar

Castrelo de Miño estuda a instalación de filtros para controlar a contaminación por arsénico na auga da traída

Publicado o 21/10/2019 14:26

Dous bandos municipais advirten os veciños de Castrelo de Miño contra o consumo da auga da traída. Unha análise do pasado 7 de outubro detectou niveis excesivos de arsénico e a situación foise confirmando en análises posteriores. A contaminación da auga afecta as dez localidades que se abastecen na captación do Couto Novelle, en total uns 300 veciños.

"Temos varias fontes contaminadas por arsénico. Tivemos que recorrer ao concello para que nos puxera un servizo de auga e estamos contentos con iso". "Se na maior parte das vilas de Galicia pasa iso!", sinala outra veciña. 

Aos adegueiros, un dos escasos negocios que hai na zona afectada, a situación colleunos nun momento de máxima actividade.

"Afectounos bastante porque comezou con cortes de auga nunha época clave, como é a fermentación, e afectou o noso traballo".

A auga non se pode beber nin cociñar con ela, así que o Concello puxo garrafas a disposición dos veciños.

"Temos a auga contaminada e o lóxico é termos un servizo para cociñar e máis para beber. Esperemos que Deus nos arranxe isto".

A solución que estuda o Concello a curto prazo é a instalación de filtros de arsénico na estación de tratamento da auga. A Deputación comprometeuse a financiar a obra, pero están estudando o procedemento. A máis longo prazo, o Concello contempla a construción dunha macrocaptación no río Miño.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/10/2019