CRTVG

Buscar

Castells non asistirá á reunión sobre o inicio do curso tras someterse a unha operación "urxente"

Publicado o 31/08/2020 11:40

O Ministerio de Universidades informou este luns que o ministro Manuel Castells non poderá acudir finalmente á Comisión Delegada da Conferencia Xeral de Política Universitaria, en que se vai tratar o inicio do curso académico, despois de someterse a unha operación cirúrxica "de carácter non grave pero si urxente" o venres pasado.

A través dun comunicado, e unhas horas antes de que comece o encontro telemático, o Ministerio explicou que a presenza de Castells estivo "no aire" ata o último momento porque o ministro "fixo o posible por estar". "Finalmente, a súa convalecencia impediulle a súa participación", sinalan.

O equipo de Castells sinalou que a operación "foi ben" e que o ministro "estivo ata este venres mesmo traballando para a preparación do inicio do curso, tanto internamente como en coordinación coa comunidade universitaria".

A Comisión Delegada da Conferencia Xeral de Política Universitaria reúnese este luns con presenza das comunidades autónomas. O obxectivo, tal e como informou o Ministerio de Universidades a semana pasada, é "asegurar unha boa coordinación do inicio do curso" e "garantir que tanto o persoal docente e investigador, como o estudantado e o persoal de administración e servizos dispoñen de información precisa sobre as medidas sanitarias e educativas que se van a aplicar no curso 2020-2021".

Ademais, confirman que "si estará" na rolda de prensa deste xoves na que se informará xunto co presidente de  Crue Universidades, José Carlos Gómez Villamandos, de todo o relacionado co inicio do curso 20/21.

O propio Villamandos explicou que na devandita reunión non só se abordará o inicio do curso no contexto da pandemia de Covid-19, senón que se tratarán outros temas, como o Estatuto do Persoal Docente e Investigador (PDI), en fase de borrador, e outras "inquedanzas", como o Real Decreto de 2007 de ensinos universitarios oficiais, tamén en fase de borrador.

 

 

Noticias web

31/08/2020