CRTVG

Buscar

Castela e León pecha ás 20h a actividade non esencial tras a corrección do Supremo

Publicado o 16/02/2021 19:04
Castela e León pecha ás 20h a actividade non esencial tras a corrección do Supremo

O presidente da Xunta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, asumiu este martes a suspensión do adianto do toque de queda que determinou o Tribunal Supremo, polo que volve estar fixado nas 10 da noite e ata as 6 da madrugada, pero á vez anunciou o peche da actividade empresarial ás oito da tarde.

Mañueco pronunciou estas palabras nunha conferencia de prensa telemática convocada xusto despois de coñecer a resolución cautelar do Tribunal Supremo que deixa sen efecto o adianto do toque de queda. Á espera da publicación, mañá no 'Boletín Oficial de Castela e León', do detalle das novas restricións, Mañueco remarcou que o espírito do acordo tomado nun Consello de Goberno Extraordinario é o de que "toda a actividade non ensencial" quede suspendida ás oito da tarde desde mañá, mentres que para hoxe dixo que "se entende que pode ser ata as 10", ao non dar tempo a publicar o acordo autonómico.

Na práctica, os establecementos hostaleiros, os comerciais, os culturais e doutro tipo que non sexan considerados esenciais terán que pechar as súas portas ás oito da tarde, algo similar ao que ocorría ata o de agora, xa que os cidadáns non podían saír de casa para acudir a eses mesmos lugares. Preguntado por se esta nova regulación pode ter similares efectos ao adianto do toque de queda sen transgredir o decreto do estado de alarma, Mañueco considerou que se trata de momentos epidemiolóxicos distintos, xa que actualmente a Comunidade vive un "descenso vertixinoso" dos contaxios, a pesar do cal defendeu que a ocupación dos hospitais non permite rebaixar as medidas restritivas polo momento.

Mañueco asegurou que ao coñecer a sentenza tivo a sensación de "cumprir" co seu "deber" de "protexer a vida e a saúde das persoas", sen que este revés xudicial lle supoña a asunción de responsabilidades políticas, como pediron algunhas organizacións, entre elas o PSOE, xa que asegurou que el actuou xa con "responsabilidade". "É o que somos, un goberno responsable", sentenciou o presidente, convencido de que neste momento hai que "manter a garda alta" e "ir vendo a evolución" dos datos epidemiolóxicos "aos poucos", sen "precipitacións".

Sobre o anuncio de demandas por parte dos hostaleiros, baixo o argumento do lucro cesante o pasado mes coa aplicación dun toque de queda ás oito que agora resultou anulado, Mañueco dixo que terán que ser os servizos xurídicos da Xunta os que analicen esas posibles reclamacións. 

Noticias web

16/02/2021