CRTVG

Buscar

Case toda Galicia estará en aviso por temperaturas baixo cero o Día de Reis

Publicado o 05/01/2021 20:33

• A temperatura mínima rexistrouse hoxe en Carballeda de Valdeorras, con case dez graos baixo cero

Un aviso laranxa por frío afectará este mércores, día de Reis, no sur de Ourense por temperatura de ata 8 graos baixo cero, segundo informa Meteogalicia. Este aviso afectará o sur da provincia de Ourense entre as 00,00 e as 9,00 horas. Unha xornada na case toda Galicia estará en aviso amarelo por temperaturas baixo cero entre as mesmas horas. Meteogalicia apunta que desde as 19,30 horas do martes comezan a rexistrarse temperaturas baixo cero en varios puntos da xeografía galega.

A temperatura mínima rexistrouse hoxe en Carballeda de Valdeorras, con case dez graos baixo cero. E houbo valores moi semellantes noutras localidades ourensás como Viana, Manzaneda ou Verín. Sufriron temperaturas moi baixas tamén na provincia de Lugo. Aí segue nevando en cotas arredor dos 500 metros. No resto de Galicia as mínimas estiveron entre os dous baixo cero de Santiago e os 3 positivos da Coruña.

Aviso laranxa na provincia de Ourense

Deste xeito espertaba hoxe boa parte da provincia de Ourense. Baixo a néboa ou tentando desconxelarse coas primeiras raiolas de sol.

O frío desta volta non era só unha sensación. Chegaron a case dez graos baixo cero en Carballeda de Valdeorras, nas zonas de alta montaña como Lardeira. Pero é que en Manzaneda espertaron hoxe con nove graos negativos e en Calvos ou Verín con menos oito.

Friaxe no ambiente e xeo nas estradas principalmente a primeira hora do día. E a cousa non mellorou o longo da xornada.

E semella que estas baixas temperaturas seguirán con nós aínda polo menos un par de días. O aviso aamarelo para esta madrugada hai que engadirlle outro tamén para a do xoves. Así que xa saben, teñan preto a roupa de abrigo.

Continúa a neve, o xeo e o frío na montaña de Lugo

As pistas rurais e estradas comarcais concentraron hoxe os problemas que o temporal provoca na montaña de Lugo. Por causa do frío cada vez máis intenso, a neve non só non se derrete senón que forma capas de cada vez máis altura tanto na beira dos camiños como nas leiras e nas portas das casas. Nesta xornada, houbo problemas para o tráfico rodado, mesmo de tractores, no concello da Fonsagrada, especialmente nas parroquias lindeiras con Asturias. Tamén en Samos, un matrimonio leva días illado por estrada por causa da neve. O tempo invernal en extremo xa dura oito días.

Para esta noite agárdase de novo moito frío e o termómetro volverá bater o récord do que vai de ano caendo ata os sete graos baixo cero nalgunhas zonas dos Ancares. Tamén se agarda que a cota de neve baixe ata os 400 metros de altitude se ben só se esperan precipitacións na parte máis oriental da provincia de Lugo. A parte positiva, segundo os veciños desta parte, é que a neve e o xeo contribúen a elminar fungos, insectos e alimañas que perxudican os cultivos.

Noticias web

05/01/2021