CRTVG

Buscar

Case 700 erasmus e 810 maiores de 50 anos acudiron á autocita para vacinarse

Publicado o 07/07/2021 15:13

Un total de 1.481 persoas acudiron xa á autocita para vacinarse. Delas, 671 son estudantes de Erasmus das tres universidades galegas e 810 son persoas de máis de 50 anos, para as que está dispoñible o novo sistema desde esta mesma mañá.

Segundo informou o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña na conferencia de prensa tras a reunión do comité clínico este novo sistema, para o que se reservarán 6.000 citas semanais, seguirá sendo complementario ao da vacinación por franxas de idade con citación programada por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que agora se dirixe a persoas de 30 a 39 anos.

Persoas de 60 a 69 anos

Canto ás persoas de 60 a 69 anos pendentes da segunda dose da vacina, a previsión da Xunta é que poderán contar coa pauta completa nun prazo dunha semana ou dez días, xa que entre o domingo e o luns van dispensar unhas 90.000 doses de AstraZeneca neste tramo de idade e o total de persoas nesta situación é dunhas 120.000.

Tres millóns de doses administradas

Comesaña apuntou que esta semana Galicia alcanzará o "fito" de 3 millóns de doses administradas da vacina contra a covid−19, da que actualmente hai 1,3 millóns de persoas coa pauta completa. Esta semana vanse a administrar unhas 220.000 doses, das que 64.000 son primeiras inxeccións.

Maiores de 40 anos

O 94 % por cento dos maiores de 40 anos xa contan coa pauta completa e hai seis concellos, todos eles da provincia de Ourense, que alcanzaron a inmunidade de grupo porque xa teñen inmunizada toda a poboación diana.

En todo caso, Comesaña advertiu de que se vai producir unha "retardación" da vacinación por falta de doses, xa que agora se reciben unhas 97.000 semanais de Pfizer fronte ás 170.000 de hai unhas semanas.

Asistencia á cita de vacinación

A porcentaxe de persoas que van á cita para vacinarse baixou conforme se reducía a idade dos citados, xa que entre 40 e 49 anos acudía o 85 %, mentres que entre 30 e 39 a cifra descendeu a entre un 75 e un 78 %.

Certificado de vacinacion

O conselleiro de Sanidade tamén anunciou que a partir de mañá estará dispoñible nas farmacias o certificado de vacinación en formato papel para as persoas que o soliciten. Galicia xa emitiu máis de 335.000 certificados covid europeos de vacinación.

 

Noticias web

07/07/2021