Case 4.000 deportistas participarán a partir do sábado no Mundial multisport de Pontevedra
Representantes de 52 países desfilaron polas rúas de Pontevedra na cerimonia de inauguración do Mundial multisport da federación internacional de tríatlon. Íñigo Martínez, un triatleta de Bueu que participará neste mundial na modalidade de cros, foi o abandeirado español. "Para min levar a bandeira de España nos mundiais de aquí da miña terra, Pontevedra, sendo de aquí ao lado, de Bueu, é un subidón, que me dá para o martes, que compito no tríatlon cros, impresionante".
A delegación máis numerosa é a de Gran Bretaña. Case o 25% dos participantes teñen nacionalidade británica. España participará con 752 deportistas, case 200 deles galegos. O dúatlon, que empezará a repartir mañá as medallas, é a especialidade con máis participantes e a única das cinco que supera os 1.000 inscritos. Unha das deportistas que realizou o xuramento en nome de todos os atletas foi a pontevedresa Saleta Castro. "A verdade é que é un soño. Eu empecei no tríatlon hai 15 anos e ver como este deporte medrou tanto e poder disputar aquí un campionato do mundo é un soño".
A G2 retransmitirá na mañá deste sábado a proba de dúatlon. Ás 11,30, a proba masculina e a unha media, a feminina.