CRTVG

Buscar

Case 14.000 empresas galegas acóllense ao ERTE, con máis de 70.000 afectados

Publicado o 24/03/2020 23:32

É a outra estatística que avanza en paralelo á dos contaxios: a dos peches de empresas. Ata este martes, xa o fixeron case 14.000 en toda Galicia. Mandan temporalmente ao paro 71.000 traballadores. É o caso de PSA Citroën: os seus 7.400 empregados van para a casa co 80 % do soldo, un 10 % máis daquilo ao que teñen dereito: o sindicato maioritario, o SIT, está conforme, pero non a CIG nin a CUT.

Manuel Rodríguez, CUT: “De momento, estamos intentando mellorar a asvaliación económica dese 10 % de mellora da empresa, que nos parece demasiado feble debido aos beneficios económicos que tivo o grupo”.

Outro dos maiores ERTE da comunidade é o que presenta a madeireira FINSA. Afectará a 1.600 empregados das súas catro plantas: Santiago, Rábade, Padrón e San Cibrao das Viñas. Durará ata o 30 de abril. Os traballadores cobrarán o 90 % do soldo este mes e o 85 % o que vén.

Tamén presentou un expediente temporal de regulación de emprego a cadea de tendas deportivas Decathlon, que ten 11 tendas en Galicia.

Noticias web

24/03/2020