CRTVG

Buscar

Casado pide o cese de Iglesias por votar en contra do suplicatorio a Puigdemont

Publicado o 10/03/2021 09:38

Na sesión de control, este mércores houbo un protagonista ausente, Carles Puigdemont. O líder do PP lembrou que o Parlamento europeo retirou a inmunidade a Puigdemont, cos votos en contra de Podemos, "eses que lle chaman exiliado insultando a democracia española, só por iso debería cesar hoxe mesmo o seu vicepresidente", reclamáballe Pablo Casado ao presidente.

Pero Sánchez pasou por alto o tema e deixouno en mans do seu vicepresidente. Pablo Iglesias replicáballe aos populares que "os dous últimos suplicatorios no Parlamento europeo tiveron un 95% de si. Este apenas pasou do 50%. Reflexionen vostedes se hai un problema político ou non hai un problema político".

A oposición volveu criticar o Goberno pola xestión da pandemia. Para o líder de Vox Santiago Abascal, o executivo só achegou "ruína, morte e división social". Tamén o popular Pablo Casado considera que "España vaise á ruína e o seu goberno o único que fai é pelexar entre si".

Pola súa parte, Pedro Sánchez pedíalle ao lider da oposición "deixar de ser o aperitivo do prato forte que vén despois, en cada sesión de control" e reclamoulle que faga "unha oposición útil, unha oposición con sentido de Estado".

Para o Goberno, a mellor receita para a economía española é a vacina. A vicepresidenta primeira Carmen Calvo acusaba o PP de convertir a pandemia "nun combate político" e aseguraba que neste momento hai máis persoas vacinadas.

Dende a bancada popular, Cuca Gamarra  preguntáballe "onde está ese plan de vacinación único e dilixente que necesita este país?", acusaba o goberno de "agocharse" e volvía esixir unha auditoria independente da xestión da pandemia.