Sánchez e Rivera afástanse dun posible pacto na segunda volta do debate a catro
Recta final de campaña marcada polo último debate presidencial: de ton tenso, interrupcións continuas e intercambio de acusacións. Con dous debates seguidos en horario de máxima audiencia, os candidatos intentaron mellorar a imaxe da noite anterior. Foi un debate máis dinámico, e con máis audiencia, case nove millóns e medio de espectadores. E a estratexia continúa. Os partidos aínda teñen por diante tres días de campaña para tentar convencer os electores indecisos.
O debate deixa varios titulares: Sánchez descartou por primeira vez pactar con Ciudadanos. Aumentou o enfrontamento entre Casado e Rivera. E Iglesias pediu varias veces moderación. O debate durou máis de dúas horas pero Atresmedia distribuíu uns quince minutos, o que en parte condiciona os resumos que lles imos ofrecer.
Sánchez quixo liquidar na primeira intervención un asunto que deixara sen resposta no debate anterior: o pacto con Ciudadanos.
Pedro Sánchez, candidato do PSOE: "Non está nos meus plans intentar pactar cun partido que o que fixo é poñer un cordón sanitario ao PSOE".
Mentres, Iglesias insistíalle: "Podemos ten que estar no Goberno para que o PSOE cumpra".
Pablo Iglesias, candidato de Unidas Podemos: "Porque vostede pactou con nós actualizar as pensións ao IPC por lei e vostedes non o cumpriron".
O candidato de Ciudadanos confrontou tanto co PSOE como co PP, co que, insiste, pretende pactar.
Albert Rivera, candidato de Ciudadanos: "O PP e o PSOE poden pelexar 40 anos máis falando dun euro máis ou de quen tivo máis paro".
Casado pediu unir o voto no PP, a única alternativa segura, di, para que non goberne Sánchez.
Pablo Casado, candidato do PP: "O PP é o antídoto contra o separatismo. Non se pode branquear o terrorismo nin o separatismo a cambio dun puñado de escanos".
Nesa liña foi gran parte do debate: PP e Ciudadanos acusando o PSOE de pactar contra España e Sánchez negándoo, co apoio de Iglesias.
Pedro Sánchez, candidato do PSOE: "Eu non pactei cos independentistas. É mentira. É falso. Falso é falso. Non é non, e nunca é nunca".
Albert Rivera, candidato de Ciudadanos: "Está gobernando cos que queren liquidar o meu país, cos separatistas, con Puigdemont, Rufián e eu con eses non vou nin á volta da esquina".
Pablo Casado, candidato do PP: "O que pasou en Pedralbes que foi entón unha xornada de pícnic? O problema é que Sánchez se converteu nunha boneca rusa porque dentro del está Podemos, está Esquerra, Junts per Cat e Bildu".
Pablo Iglesias, candidato de Unidas Podemos: "Ao señor Sánchez poderanlle dicir cousas, pero, home, dicir que é amigo de terroristas ou que é un golpista eu creo que é esaxerado".
Os gañadores e os perdedores decidiranse o domingo nas urnas.
Debate tenso
Este segundo debate tivo un ton máis tenso ca o anterior, e os candidatos empregáronse a fondo para atacar os adversarios. Especialmente incisivo foi Albert Rivera, ao que o líder de Podemos mesmo lle pediu mesura.
O segundo debate foi máis tenso e, por momentos, caótico. Nun escenario semicircular, apoiados en atrís que simulaban torres eléctricas, os candidatos compareceron coa súa vestimenta habitual, á que Pablo Iglesias engadiu un xersei da marca madrileña fetiche de Podemos. A palabra "mentira" foi unha das máis repetidas dunha noite marcada polo cruzamento de acusacións.
O líder de Podemos actuou por momentos de moderador, especialmente ante un belixerante Rivera. O candidato de Ciudadanos volveu despregar un arsenal de recursos, dende unha lista cos presuntos casos de corrupción do PSOE ata unha copia da tese de Sánchez, que este respondeu cun libro sobre Vox.
Ao remate, minuto de ouro no que cada candidato pediu aglutinar votos arredor do seu proxecto. Foi o único momento pausado nun debate acelerado no que, unha vez máis, todos se viron gañadores.
Violencia machista
Pedro Sánchez acusou o Goberno andaluz de elaborar listas negras de persoas que traballan neste eido. E para iso, amosou unha carta que, segundo o socialista, recibiu un profesional ao que se lle piden os seus datos persoais. Esta mañá, respondeulle o presidente da Junta de Andalucía. Juanma Moreno acúsao de mentir. Di que se trata do traslado dunha petición que fixo un particular no seu portal de transparencia, solicitude que teñen que notificar obrigatoriamente, pero que isto non significa que se faciliten datos privados.