CRTVG

Buscar

Casado di que só o PP garante o desbloqueo político

Publicado o 06/10/2019 20:21

O presidente do Partido Popular, Pablo Casado, dixo que da fragmentación do voto de centrodereita só se beneficia Pedro Sánchez. Segundo Casado, as eleccións do 10 de novembro van de desbloqueo e a única garantía de conseguilo é votando o PP.

O líder dos populares lembrou hoxe en Oleiros a oferta que lles lanzou ás demais forzas de centro e dereita para iren xuntas ás eleccións. Casado lamentou que os dirixentes de Ciudadanos e Vox nin sequera quixesen falalo e pediulles que deixen paso aos seus votantes. Dixo Casado:

"Apelamos a que os que non quixeron unirse nunha plataforma electoral deixen paso aos seus votantes para que se aglutinen na forza que demostrou xenerosidade, responsabilidade e, sobre todo, estar á altura nun momento tan complicado para España".

No penúltimo día para rexistrárense candidaturas, Casado invocou o que fará Errejón na esquerda, e pediulles a Ciudadanos e Vox que non se presenten nas provincias onde non poden obter escanos. Casado asegurou que Sánchez é sinónimo de inestabilidade, e engadiu que só o triunfo do PP garante o desbloqueo. Dixo:

"Por iso, mesmo aqueles votantes de esquerda que queiran saír do desbloqueo que saiban que votando o Partido Popular, se saca un escano máis que o PSOE, chegaremos a fórmulas de gobernabilidade con todos os partidos constitucionalistas".

Na súa visita a Galicia, Casado deixou tamén a promesa de que con el no goberno chegará o AVE e condonarase a débeda dos portos galegos.

Noticias web

06/10/2019