CRTVG

Buscar

Casado critica o "electoralismo" do PSOE e Lastra carga contra Unidas Podemos

Publicado o 21/09/2019 15:03

Pablo Casado referiuse exclusivamente a dous temas ante os medios en Logroño: Bildu e o financiamento autonómico. Sobre a formación abertzle explicou que é síntoma dunha "enfermidade social" pretender que alguén non visite o País Vasco por unha cuestión ideolóxica. No referido ao desbloqueo dos fondos autonómicos sinala que é un exemplo de instrumentalización electoralista como se fixo -engadiu- co CIS, a televisión pública, os reais decretos e as pensións.

Pablo Casado: "Estamos a favor de que se entregue, por suposto, ese diñeiro, pero o que ata catro días era imposible e había un informe da Avogacía do Estado que o facía imposible, porque agora haxa eleccións que o Goberno de España diga que pode comprar vontades electorais cos cartos que pagaran xa todos os contribuíntes destas autonomías, pensamos que é un paso máis na instrumentalización moi negativa das institucións e dos recursos públicos para facer campaña".

A precampaña arrinca cunha distancia evidente entre o PSOE e Unidas Podemos, tal como certificaba este mediodía a voceira parlamentaria dos socialistas, Adriana Lastra. Insiste en que saen a gañar nas urnas e anuncia que incluirán no seu programa electoral as 370 medidas pactadas con organizacións sociais. Lastra carga contra Unidas Podemos, sinala que fixeron "chantaxe" nas negociacións para a investidura, pero non dá por rotas as relacións entre as dúas formacións.

Adriana Lastra: "Non poden estar nunca rotas as relacións entre os partidos políticos, tampouco agora. O que hai, evidentemente, é unha descofianza moi grande e o que hai é un enfado, como pode vostede comprender, considerable con Unidas Podemos, porque o que nos levou foi a unha repetición electoral".

Noticias web

21/09/2019