Casado considera que Sánchez non ten "credibilidade" para aplicar o 155

O líder do PP, Pablo Casado, considera que o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, non ten "credibilidade" para aplicar o artigo 155 en Cataluña se antes non adopta outras medidas, como recorrer as resolucións do Parlament ou romper os seus pactos municipais con ERC e JxCat.
Na súa intervención no III Congreso bienal Iberoamericano do Consello Empresarial Alianza por Iberoamérica (CEAPI), Casado asegurou que se hai que aplicar este artigo "polos incumprimentos da Generalitat" o PP apoiarao, pero antes hai que aplicar tamén as leis en vigor, como a seguridade nacional.
"Non é moi crible que alguén que é investido por Torra e Junqueras, aos que debe o cargo, non parece moi lóxico que alguén que debe o cargo aos independentistas, vaia poñer orde contra os independentistas", afirmou.
Reprochou ademais a Sánchez que "máis aló dos seus mitins e campañas e envolverse na bandeira xa está a tardar en recorrer as resolucións", en referencia ás aprobadas polo Parlament a semana pasada.
En opinión de Casado, este é o primeiro paso para que Sánchez "pase do mitin á acción" para o que lle pediu que adopte medidas no Consello de Ministros deste venres, tras reclamarlle onte que aplique desde xa a lei de seguridade nacional para tomar o control dos Mossos D'Esquadra e desmantelar o Centro de Seguridade da Información de Cataluña (CESICAT).