Casado comprométese a desbloquear a situación se Sánchez convoca eleccións
Tras doce anos abrindo o curso político en Galicia, o Partido Popular cambia de comunidade. Pablo Casado escolleu Ávila, a súa casa como deputado dende 2011, para retomar a actividade logo das vacacións. O presidente do PP clausurou o acto coa vista posta na posible celebración duns novos comicios.
O líder popular reiterou a súa negativa a facilitar a investidura de Pedro Sánchez. Critica a súa inacción nestes últimos tres meses que, dende o seu punto de vista, está a prexudicar a economía, a seguridade e, sobre todo, a unidade do país.
Pablo Casado asegurou que, digan o que digan as enquisas, non quere eleccións xerais. Porén, quixo deixar claro que o seu partido está a traballar en calquera posibilidade co obxectivo de volver liderar o país. No acto participaron trescentos dirixentes do partido a nivel nacional, municipal, provincial e autonómico.