CRTVG

Buscar

Casado acusa a Sánchez de utilizar o ministro do Interior como escudo no cesamento de Pérez de los Cobos e o presidente do Goberno responde que atacan a Grande-Marlaska porque está acabando coa "policía patriótica"

Publicado o 03/06/2020 21:32

O líder do PP acusa o presidente do Goberno de utilizar o ministro do Interior  como escudo cando é el o "máximo responsable da purga" na Garda Civil. Sánchez respondeulle a Casado que atacan a Marlaska porque está acabando coa "policía patriótica". Este intercambio de acusacions foi na sesión de control ao Goberno, que volveu ser tensa.

Que responsabilidades vai asumir o Goberno por purgar un coronel intachable da Garda Civil?. Ten aquí o seu ministro, pero o seu ministro é un escudo porque a instrución deuna vostede. Desde os tempos da cloaca de Luís Roldán non viamos isto", di Pablo Casado, do PP.

"Este é un Goberno que defende as forzas e corpos de seguridade do Estado. Vostedes atacan o ministro do Interior porque é o ministro do Interior quen está colaborando coa xustiza para acabar coa policía patriótica que vostedes puxeron en marcha cando estaban gobernando. Non vou entrar nas súas provocacións, de verdade señor Casado. Eu creo que vostede mesmo se retrata na súa estratexia de oposición", responde Pedro Sánchez, presidente do Goberno.

"A acusación de crispar, señora Calvo, é unha vella tradición socialista. Iniciouna o presidente González para tapar os escándalos de Filesa, Roldán e os GAL e, agora, vostedes reedítano. Quérennos submisos e silentes. Esquézanse. Non son as nosas palabras as que causan crispación son os seus feitos e, polo tanto, son vostedes os que teñen que rectificar para devolver o sosego á nación", afirma Cayetana Álvarez de Toledo, do Partido Popular.

"Avisámolos de que non poderían gobernar. En que andan cando perden as eleccións?. E despois dixeron, a vostede, referíndose ao presidente do Goberno, acabarán por pescalo. Tendo en conta que ningún membro do Goberno somos peixes, en que anda vostede, señor Casado?, en que andan contra o Goberno constitucional de España no peor momento deste país?, di Carmen Calvo, vicepresidenta primeira do Goberno.

"Pescáronos, señora Calvo. Señor Iglesias, vostede chegou ao Goberno enganando a xente. Vostede colocou un amigo seu nunha porta xiratoria, en Enagas. Se como vostede dicía as portas xiratorias son unha forma de corrupción e agora coloca un amigo en Enagas, vostede que é?, di Teodoro García Egea do PP.

"Por que vostedes acoden tanto a patexar e á perrecha?, vostedes saben, señoría, que non van gobernar. A estratexia que vostedes están defendendo e exercitando cada día, señor Casado, revela esa triste conciencia pola súa parte. Vostede nunca vai ser presidente do Goberno", afirma Pablo Iglesias, vicepresidente segundo do Goberno.

 

Noticias web

03/06/2020