CRTVG

Buscar

Casado achaca á fragmentación os malos resultados do PP

Publicado o 03/05/2019 08:51

O PP buscará o 26 de maio o retorno dos votos que perdeu o domingo pasado, en que o partido chegou ao seu chan electoral. Algúns baróns territoriais como Feijóo, Juan Vicente Herrera ou Alfonso Alonso cren que a mellor forma de logralo é recuperando o espazo do centro. Pero Pablo Casado cadrou onte con Esperanza Aguirre e ambos apuntaron á época de Rajoy como o inicio da sangría de escanos que culminou o 28-A. 

A fragmentación do espazo da dereita, patente na conmemoración do 2 de maio en Madrid, é a principal razón que argüen os populares para explicar o 28-A. A un lado, Ciudadanos, incorporando ás súas filas a cadros como Ángel Garrido, ao que onte Casado evitou saudar. Por outro, Vox. A ex-presidenta da comunidade Esperanza Aguirre reprochou onte a Casado as palabras en que acusou a Abascal de que vivira de "chiringuitos e mamandurrias". "Non é que me doese. Eu creo que Pablo Casado quixo dar unha patada a Santi Abascal no meu traseiro", dixo Aguirre. Despois, en ton irónico, deulle a benvida ao liberalismo de Ángel Garrido, e dixo que ata hai pouco en C's non se dicía liberal, senón de centroesquerda.

Pablo Casado, o presidente do PP, apunta que: "Hai partidos que alentaron o transfuguismo e outros que se situaron na radicalidade, sexa de esquerdas como o caso de Podemos sexa de dereitas como o caso de Vox".

Ignacio Aguado, de Ciudadanos, subliña: "Semella que renegan de Vox e que apostan por mirar ao centro, pois miren o centro está xa ocupado por un partido que é Ciudadanos".

E Ortega Smith, de Vox, conclué que "hoxe é un día de festa e imos deixar unha mensaxe de unidade entre os españois. Outros que sigan coa súa división e os seus enfrontamentos".

Como afectarán estes reposicionamentos á estabilidade do Goberno andaluz é outra das preguntas que estaba onte no aire. Casado quere centrarse de momento en asumir o liderado da oposición e presentaralle unha axenda económica ao presidente do Goberno na súa visita do luns á Moncloa. 

Dende o PSOE chaman á dereita a non continuar con discursos "faltóns" que, dixo Ábalos, foron castigados nas urnas.

José Luís Ábalos, do PSOE, advertiu: "Xa está ben de tanta baixeza, porque teñen que darse de conta os predicadores da miseria moral que a estas alturas só se retratan, non nos afecta".

Casado incorporá a análise sobre o castigo aos populares a lectura de que a perda de votos que culminou o 28-A comezou en tempos de Rajoy por mor da súa xestión en Cataluña.

Noticias web

03/05/2019