CRTVG

Buscar

Sorprenden os ladróns na súa vivenda en Xinzo e lévanlles 8.000 euros

Publicado o 14/12/2018 18:14

O susto que levaron os donos desta vivenda situada nas aforas de Xinzo tardarán tempo en esquecelo. Pouco antes das nove da noite chegaban á casa e, nada máis abrir a porta, a muller viu como un home saía correndo do interior, agarrouna dun brazo e afastouna para emprender a fuxida. Segundos despois, ela e o seu home, que viña uns metros máis atrás, viron como outro home saltaba pola ventá e fuxía tamén a toda présa. Os ladróns saltaron á rúa a través do valado que rodea a vivenda.

As vítimas non quixeron relatar os feitos ante as cámaras da TVG, pero si nos contaron que os atracadores accederon ao interior da vivenda a través da ventá da cociña. Escacharon o cristal cun trade eléctrico e cunha panca desbloquearon o pasador. Unha vez dentro, remexeron en todos os caixóns e armarios. Colleron oito mil euros en efectivo e xoias cuxo valor aínda está por calcular. Ían encapuchados, polo que as vítimas non poden identificalos. Só poden dicir que eran altos e de complexión normal. Nesa rúa non hai iluminación pública.

Non se desbota que houbese un terceiro implicado que agardase no exterior cun coche, aínda que por agora non hai probas que o confirmen. As vías de fuxida son doadas xa que a escasos metros está a estrada de Celanova ou a Nacional 525.

Noticias web

14/12/2018