CRTVG

Buscar

Carolina Bescansa: "Pedín encabezar a lista da Coruña por unha cuestión de identidade e compromiso de país"

Publicado o 18/10/2019 10:22

Carolia Bescansa, candidata de Máis País pola provincia da Coruña, estivo este venres no estudio do Bos días, onde, entre outras cousas, reflexionou sobre a situación que se está a vivir en Cataluña. Sobre a violencia das últimas xornadas dixo: "Sorpréndeme e non me soprende. O independentismo mostrou sempre pacifismo, pero despois da sentenza isto podía ser e o que parece incrible é que os responsables políticos non o tiñan previsto".

Bescansa reparte a responsabilidade do que está ocorrendo entre o Goberno da Generalitat e o Goberno central: "Chegamos a un punto en que o presidente da Generalitat parece que non conta co apoio do seu propio Goberno e de boa parte do Parlament. Isto está xerando unha tensión adicional. Vemos como lonxe de marcar unha liña é xerando máis confusión e ruído. E, por outra banda, quen tiña a responsabilidade de formar Goberno despois do 28 de abril non o fixeron, sabendo que chegaban a unhas novas eleccións que se ía coñecer esta sentenza. Polo tanto, dobre responsabilidade, dobre irresponsabilidade".

En canto ao que pode pasar a partir de agora, Bescansa asegura que "hai unha tríade de opcións: esta sentenza tiña que ser un punto de inflexión para tender pontes de diálogo e entendemento. O que non pode ser é que estamos nunha situación en que os políticos sexan parte do problema e non a ecuación da solución. Agardemos que estamos a ver na rúa con esas minorías violentas sexan un revulsivo para que os responsables asuman o que lles toca".

E apunta ao diálogo como base para a solución: "Penso que a postura do sentido común é que ante unha situación como esta hai que tender pontes para resolver o que non teñen que resolver os xuíces".

Respecto á súa candidatura no partido encabezado por Íñigo Errejón dixo que "para min foi unha alegría cando me chamou Errejón, pero eu pedinlle encabezar a lista da Coruña, por unha cuestión de identidade e compromiso de país. Penso que temos moito que traballar aquí, que temos moito que aprender dos erros cometidos no pasado no espazo do cambio e é un bo punto de partida para conseguir un goberno de cambio en España e logo seguir traballando para que o cambio poida chegar a todos os ámbitos do país".

Recoñece que mantivo contactos con Luís Villares, pero tamén con outras persoas do ámbito da esquerda rupturista: "Eu falei con Villares e con todas as persoas que lideran simbólicamente ou realmente o espazo do cambio en Galicia". E sobre se pasou pola súa cabeza ser número dous por Madrid, asegurou: "A cuestión é onde e cómo queres traballar: tiña esa vontade, téñoa desde hai tempo esta opción e eu estou contenta".

Máis País non se presenta nin pola provincia de Lugo nin pola de Ourense. Fárano só naquelas circunscricións en que a formación ten opcións reais e onde, segundo Bescansa, a súa presenza non debilita a esquerda: "Fixemos un deseño de estratexia electoral para competir naquelas circunscricións onde non se danase as expectativas da esquerda e si puidese ter un efecto mobilizador de xente tentada a non votar. Penso que é un exercicio de responsabilidade máximo presentarnos así".

Repecto a un futuro algo máis afastado, cunha convocatoria electoral en Galicia, Carolina Bescansa dixo: "Non penso que ese sexa o tema que temos que traballar agora, pero si que temos que revisar os erros cometidos en Galicia e tender pontes entre todas as forzas progresistas para o cambio para que chegue no 2020 a Galicia".