CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Carmiña e Manolo, unha historia de amor a distancia marcada pola emigración

Publicado o 21/08/2015 21:29

Agora imos contarlles a historia dunha parella das Neves que pasou tres décadas separados pola emigración. El marchou a Suíza coa meta de poder facer unha casa propia para a familia e agora regresa xa xubilado a refacer a vida que deixou aquí hai 32 anos.

Esta historia non vén nos libros de texto. Pero serve para ilustrar un capítulo importante da historia recente de Galicia. Carmiña e Manolo levan máis de trinta anos casados pero están empezando a convivir. Nas tres fotos da comuñón dos fillos repítese a mesma ausencia. Manolo foi emigrante.

"A familia sempre a botei de menos. Pero eu tiña unha meta que era facer esta casa... primordial", di Manolo.

As cartas dende Suíza, esta morea de cartas que Carmiña le cun sorriso nos beizos... foron durante anos a conexión máis importante entre a parella e entre Manolo e os seus fillos, que se criaron, coma tantos outros, ao abeiro dos avós.

"Como miraban a meu pai, chamábanlle "papá-avó". A Manolo non lle gustaba moito pero o que eles miraban", asegura Carmiña.

A súa historia é algo singular porque a parella nunca chegou a reunirse, nin acó nin aló, ata agora, que Manolo se xubilou.

Din que os emigrantes e os náufragos, loitan coa mesma forza pola supervivencia e o afán doutra vida. Manolo, xa en terra e con casa propia, comeza con 66 anos un novo camiño na compaña de Carmiña, esa muller descoñecida coa que casou hai 32 anos.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

21/08/2015