CRTVG

Buscar

Carmen Pomar: "Lamentamos a falta de diálogo sobre un protocolo de Educación consensuado con Sanidade"

Publicado o 23/07/2020 11:18

Educación acaba de publicar o protocolo do novo curso. Confírmanse as aulas burbulla nas primeiras etapas e o uso da máscara en primaria e secundaria. Os sindicatos rexeitan a proposta e dende onte teñen convocada unha protesta diaria diante da consellería. Critican que o plan fai recaer a toma de decisións nas direccións dos centros. Os grupos da oposición piden que o protocolo non se dea por pechado e que se volva negociar cos sindicatos.

A Conselleira de Educación, Carmen Pomar, explica no Bos Días o protocolo que xa se publicou onte pola tarde e que foi consensuado polas consellerías de Sanidade e Educación.

Carmen Pomar dixo que as medidas que presentaron maiores dificultades son as "medidas de prevención da covid-19 para evitar brotes nos centros educativos".

Sobre o uso da máscara, a responsable de Educación dixo que a será obrigatoria para "os nenos de primaria cando estean fóra das aulas, movéndose polos espazos comúns", e os menores de seis anos non terán que usar a máscara na escola, como tampouco o teñen que facer na rúa.

Nas aulas, di a conselleira que se terá en conta a estrutura das clases e tamén a colocación do alumnado. No caso de secundaria e bacharelato o "uso da máscara dependerá de se se pode manter a distancia".

No caso dos profesoares, poden estar sen máscara cos "alumnos máis pequenos sempre que manteñan a distancia de seguridade e ademais van formar parte dese grupo estable de convivencia", di Carmen Pomar, e engade que nesta etapa a máscara dificulta o ensino. En secundaria e bacharelato, os profesores poderán estar "sen máscara se manteñen a distancia suficiente; se non hai distancia de seguridade terán que usala", di a conselleira de Educación.

O protocolo da Xunta para o curso 2020-2021 prevé en cada centro escolar un equipo COVID-19 que será o responsable de que se cumpra a normativa e deberá tomar decisións se houber algún caso. Se hai un brote, máis de tres casos, di a conselleira que "serán as autoridades sanitarias as que tomen decisións sobre se se pecha unha aula, unha etapa educativa ou o colexio completo".

Sobre o feito de que os sindicatos do ensins non quiexaran negociar o protocolo da Xunta por estaren en desacordo con el, Carmen Pomar dixo: "Lamentamos a falta de díalogo nas ocasións que estiveron as portas da consellería abertas para debater e escoitar suxestións e posibles engadidos ao protocolo". E engadiu: "Temos claro que este protocolo está avalado por Sanidade e que ten unhas bases sólidas".

Carmen Pomar aclarou que o protocolo irá "mudando en función de como se vaia desenvolvendo a situación sanitaria".

Noticias web

23/07/2020