CRTVG

Buscar

O Goberno negocia cos partidos unha prórroga do estado de alarma dun mes

Publicado o 13/05/2020 10:44

• Carmen Calvo iniciou os contactos para culminar a desescalada cunha quinta prorróga dun mes e non de 15 días como acontecía ata agora

Cs di que Sánchez non tratou esta cuestión na conversa con Arrimadas

O Goberno negocia cos partidos unha prórroga do estado de alarma dun mes

Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno, está a sondar os grupos parlamentarios para buscar fórmulas legais que permitan concluír a desescalada. Entre esas fórmulas estaría a prórroga do estado de alarma por un mes en troques de quince días como se viña facendo ata o de agora. Así o indican fontes parlamentarias. 

Polo momento os contactos, confirmados por fontes do Executivo, limítanse a investigar as vías coas que pór fin á desescalada dun xeito consensuado. Na votación da última prórroga, a medida saíu adiante con dificultades e despois dunha dura negociación. Ciudadanos e o PNV votaron a favor tras negociar co Executivo, pero ERC votou en contra. O PP abstívose, malia que anunciou que votaría en contra da seguinte prórroga.

Por outra banda, Sánchez non informou a Arrimadas desta cuestión na conversa que ambos mantiveron hoxe, segundo apuntan fontes de Ciudadanos, que din que "en ningún momento" se falou da posibilidade de que o Executivo pida á Cámara unha prórroga por trinta días.

Calvo non informaría desta posibilidade a todos os portavoces parlamentarios con que falou. Si que o fixo na súa conversa con Gabriel Rufián, portavoz de ERC, e na que mantivo co voceiro de Más País, Íñigo Errejón. 

Pablo Echenigue, portavoz de Podemos no Congreso, admitía esta tarde nunha conferencia de prensa que descoñecía os detalles da proposta dunha prórroga máis longa, pero puxo en valor a decisión do Goberno de asistir cada quince días a pedila e someterse ao control parlamentario.

A Constitución marca só o período que debe ter o estado de alarma cando se decreta por primeira vez, un tempo máximo de quince días, pero non o marca para as prorrogacións. Iso teno lembrado Sánchez en varias ocasións para explicar que se o Goberno pediu a prorrogación cada quince días foi para acudir periodicamente ao Congreso a dar conta da súa xestión da crise da pandemia e pedir o apoio dos partidos.