Carlos Silla, da nova xeración de narcotraficantes galegos, detido nun veleiro con 5 toneladas de cocaína
Os 5.200 quilos de cocaína viaxaban a bordo dun veleiro de pavillón español. Trátase do maior alixo de cocaína capturado en Portugal e un dos maiores de Europa. En total 183 fardos repartidos no interior e na cuberta da embarcación interceptada esta fin de semana en mar aberto nunha operación conxunta da Armada Portuguesa e a Policía Nacional Española.
Na operación, denominada Marea Branca, detiveron os tres tripulantes da embarcación que partira de Colombia no mes de setembro. Entre eles estaría Carlos Silla, un coñecido lancheiro arousán considerado o número un da nova xeración de narcotraficantes galegos. Estaba en busca e captura tras fuxir en marzo de 2020, no marco doutra operación en que se aprehenderan outras tres toneladas e media de estupefacientes.
A operación que contou coa participación da DEA estadounidense, da Axencia do Crime británica e da Policía Nacional de Colombia iniciouse a principios deste ano 2021 tras detectar unha organización multinacional dedicada a exportar droga desde Colombia e Venezuela destino a Europa, mediante iates e veleiros.