CRTVG

Buscar

Carlos Rosón: "O acceso ao que chamamos 'nova pornografía' está afectando as relacións interpersoais, con actitudes moi machistas"

Publicado o 17/06/2019 13:02

Unha investigación da Universidade das Illas Baleares deu a voz de alarma sobre o acceso dos nosos menores á pornografía. Sitúase nos 8 anos, nalgúns casos, e o 25% accede antes dos 13 anos.

Carlos Rosón é o director de IGAXES, unha ONG encargada de tutelar mozos a mozas, sobre os que as súas familias non teñen a custodia, que participou neste estudo.

"Nos últimos anos detectamos un cambio nas relacións interpersoais entre mozos e mozas, con actitudes que soprendían, moi machistas", explicou no Bos días.

"Detectamos que o acceso a través de dispositivos móbiles ao que chamamos 'nova pornografía' estaba afectando a esas relacións interpersoais", asegurou "e por iso nos decidimos a participar neste estudo".

Ademais da idade temperá á que os nenos acceden a esa pornografía, Carlos Rosón destaca que "se trata dunha pornografía gratuíta, accesible, que permite un anonimato á vez que interactuación, que forma parte de acceso á unha estratexia de acceso á prostitución". "Hai que pensar que un dos portais máis imporantes ten máis de tres millóns de acceso á hora", explicou, e "cunha proposta tremendamente machista, que establece violencia, vexacións".

"O 80 por cento dos mozos e mozas din que non tiveron educación afectivo sexual ou non lles serviu e acoden a Internet para resolver as súas dúbidas", afirma Carlos Rosón. "Hai un dato fundamental que é que un dos vídeos que máis se propón é a simulación dunha violación en grupo, e non é casualidade que nestes momentos haxa máis de cen manadas xudicializadas", relata. "Tamén hai un aumento das prácticas de risco, cun descenso, por exemplo, do uso do preservativo".

"Cómpre que falemos cos mozos e mozas en liberdade, e temos que dotar a familia de ferramentas para afrontar esta situación" porque, segundo Carlos Rosón, "a educación afectivo-sexual está resultando frustrada". "Habería que comezar desde moi novos, tendo en conta a realidade".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/06/2019