Carlos Mouriño: "Coudet quere quedar e nós queremos que quede, estamos moi preto"
O presidente do Celta, Carlos Mouriño, estivo onte no programa Ao Contraataque na Radio Galega e confirmou que a renovación de Coudet é "unha posibilidade real pola que imos pelexar, estamos moi confiados".
Ademais, deixou diversos titulares sobre a actualidade do conxunto celeste. A continuidade do adestrador e Felipe Miñambres, a fichaxe de Cervi, as contas do equipo, a continuidade de Onésimo aos mandos do filial ou o Celta feminino.
"Fixemos cousas dacordo con el. Propuxo a Solari, a Ferreyra... sabe como traballamos, coñece as nosas contas e sabe ata onde podemos chegar", respondía Mouriño á pregunta de se a renovación do técnico arxentino se pode complicar porque pretenda ter máis poder nas decisións.
Mouriño deixou claro que confía na renovación de Miñambres se "el está dacordo co que pedimos e nós co que el pide" e na chegada de Cervi "o xogador ten unha fé cega no Chacho e quere xogar no Celta".
"Perdimos 16 millóns esta temporada, pero estamos un pouquiño mellor que outros equipos e pensamos que temos marxe para poder reforzarnos", reflexionaba sobre a saúde económica do equipo.
Ademais, confirmou que Onésimo seguirá no banco do filial celeste e que a creación dun equipo feminino non ten demasiadas posibilidades nos próximos meses.
Como curiosidade, o presidente quixo pedir perdón polo seu galego antes de comezar: "Sei que non o falo ben, por iso pido desculpas".