CRTVG

Buscar

Carlos Gradín, profesor da Universidade de Vigo, sobre o ingreso mínimo vital: "É un instrumento moi importante contra a pobreza e para reducir as desigualdades"

Publicado o 26/05/2020 10:50

Hoxe falamos con Carlos Gradín, profesor da Universidade de Vigo, que nestes momentos está en Helsinki, sobre o ingreso mínimo vital. 

"O ingreso mínimo vital é unha prestación social que mellora o sistema de prestacións que temos nestes momentos en España", di o profesor Carlos Gradín. "É un sistema de último recurso que garante prestacións económicas a aqueles fogares que quedan sen outros ingresos, do traballo ou de prestacións por desemprego, durante o tempo que dure a situación de necesidade", engade.

"É un instrumento moi importante contra a pobreza e para reducir as desigualdades", di Carlos Gradín. "Ten que existir unha prestación de carácter estrutural porque a pobreza xa existía antes desta crise e antes da anterior. España é un país que se caracteriza por ter taxas de pobreza e niveis de desigualdade na renda moi elevados, comparados con países da nosa contorna europea". "A necesidade deste tipo de prestacións sociais é permanente".

É un instrumento para reducir a pobreza severa, pero "non é a solución única contra a pobreza, pero é un instrumento moi importante para loitar contra ela", apunta Gradín. "Seguirá habendo carencias no mercado de traballo, no sistema de prestacións sociais, especialmente no caso das familias con nenos, desigualdades educativas...".

"Todos os países europeos teñen sistemas de protección social que garanten que ningún fogar quede sen recursos en situación de necesidade. Como se diseñen eses sistemas pode estimular máis ou menos a busca de traballo. Todos teñen que ter como obxectivo a inclusión social".

Outra das críticas e se coa crise das facendas públicas se pode pagar esta renda. Carlos Gradín di que "é un esforzo necesario". "Con esta crise todos os países desenvolvidos están promovendo medidas de emerxencia que implican transferencias importantes de recursos aos fogares e iso é, por exemplo, o que garante que non se derrube o consumo". "Estes mecanismos non son baratos pero axudan a manter a estabilidade nos fogares".

 

 

 

Noticias web

26/05/2020