CRTVG

Buscar

Carlos Castelao presenta un libro que conta os inicios da fotografía en Santiago

Publicado o 17/03/2019 18:24

Vivimos na mundo da imaxe e facer fotos forma parte xa do noso día a día. Pero nos inicios o mundo da fotografía era algo bastante complicado pola técnica e polo custo. Iso nos conta Carlos Castelao, que acaba de publicar un libro sobre as orixes da fotografía en Galicia e que inclúe a biografía dos 24 pioneiros da imaxe en Santiago. Moitas curiosidades e dous nomes de muller, as primeiras fotógrafas compostelás.

Paseamos con Carlos Castelao pola rúa do Vilar, quizais a máis fotografada de Santiago xunto á rúa Nova. Foi precisamente nestas dúas rúas onde se asentaron os primeiros estudos de fotografía da cidade alá pola metade do século XIX.

No número 23 do Vilar, hoxe aínda tenda de fotos, tiña o seu estudio Luis Casado, no número 25 Juan Palmeiro, e no 27 Manuel Chicharro, os grandes nomes da fotografía compostelá e os máis prolíficos. No século XIX basicamente comezaron facendo retratos da burguesía que reclamaba unha representación digna da súa imaxe. Homes e mulleres, sós ou en grupo. Substituían as fotos aos retratos pintados en miniatura, e ao principio case eran igual de caros.

Ao ser fotografía de estudio un podía pensar que os retratos se facían no interior pero non era así. Hai que ter en conta que aínda non había luz eléctrica.

Nun mundo masculino sorprenden dous nomes de muller: un María Cardarelly, a primeira fotógrafa de Galicia, cunha escasa produción pero destacada por ser a autora en 1865 de dous retratos de Rosalía de Castro, realizados supostamente nunha mesma sesión polo parecido da vestimenta e do peiteado. A outra fotógrafa con estudio en Santiago chamábase Juana Cabello.

Precisamente Juana Cabello pode que sexa a autora da derradeira foto de Rosalía de Castro coa súa familia na casa da Matanza. É só unha hipótese que apunta Carlos Castelao no seu libro, unha das moitas historias curiosas daqueles pioneiros que comezaban a mirar o mundo tras o obxectivo dunha cámara.

Noticias web

17/03/2019