CRTVG

Buscar

Carlos Arévalo, subcampión do mundo de K4: "Foi unha das mellores regatas da miña vida"

Publicado o 03/09/2019 17:48

A Carlos Arévalo chegoulle a principios de xullo a grande oportunidade da súa vida. Mes e medio antes do Mundial ofrecíanlle subir ao K4 500, a nena bonita do piragüismo español.

"Un mes e medio de preparación, pero chegando bastante ben á competición. Pódese pedir máis? Habería que adestrarse bastante máis tamén. Con marxe e con tempo, pódese mellorar moito ese barco", dixo Arévalo.

O padexeiro de Betanzos encontrouse cómodo desde o primeiro momento cuns compañeiros cos que se adestra no encoro asturiano de Trasona. 

"Segundo ían avanzando as probas, iamos con moita máis confianza. Unha vez que pasou a semifinal, dixemos: 'Isto anda, podemos loitar polas medallas'. E así foi. Houbo un momento na final que nos puxemos diante dos alemáns e dixemos: 'Isto dá para gañar'. Ademais de ser o mellor resultado para min, é unha das mellores regatas que fixen na miña vida", contou o novo subcampión do mundo.

Arévalo empezará pronto os adestramentos con vistas aos Xogos Olímpicos.

"Nunca me vin tan preto. Cada día de adestramento ata os Xogos conta. Hai que loitar por estar aí e non se consegue doutra forma máis que adestrándose e loitando por iso", asegurou Carlos Arévalo.

Arévalo, soldado profesional do exército español, vive en Asturias desde hai seis anos. En Toquio quere disputar tamén o K1 200.

Noticias web

03/09/2019