CRTVG

Buscar

Puigdemont, en liberdade sen fianza con condicións tras comparecer en Bélxica

Publicado o 18/10/2019 12:31

O ex-presidente da Generalitat de Cataluña Carles Puigdemont, fuxido en Bélxica desde 2017 e perseguido en España por presuntos delitos de sedición e malversación na causa do procés, quedou este venres en liberdade sen fianza pero con condicións, tras comparecer ante a xustiza belga.

Segundo informou Puigdemont á prensa tras presentarse voluntariamente ante as autoridades belgas, deberá informar de se ten intención de saír de Bélxica e manter unha residencia fixa no país. 

O ex-presidente da Generalitat Carles Puigdemont rexeitou entregarse a España, tras comparecer voluntariamente ante as autoridades belgas, acompañado dos seus avogados, en relación coa euroorde cursada polo Tribunal Supremo.

O ex-presidente catalán "está a seguir todos os pasos oficiais que acompañan este procedemento", e que, ao recibir a notificación "opúxose á súa entrega" ás autoridades españolas, segundo fontes da súa oficina.

O luns pasado, día 13, horas despois de que o Tribunal Supremo ditara a sentenza sobre o xuízo do procés, o xuíz Pablo Llarena decidiu cursar por terceira vez unha orde europea de detención e entrega contra Puigdemont.

O seu avogado en Bélxica, Paul Bekaert, dixo xa o luns que Puigdemont colaboraría coa xustiza belga e que non se escondería cando as autoridades do país recibisen a euroorde emitida polo Supremo.

"Falaremos co fiscal e o meu cliente, se é convocado a ir ante o xuíz, non se esconderá. Colaborará coa xustiza belga. Confía na xustiza belga. Esa é a razón pola que está en Bruxelas", dixo Bekaert.

A Fiscalía de Bruxelas está á espera de que a xustiza española entregue a próxima semana unha tradución da euroorde e os documentos anexos, reactivada polo xuíz Llarena, tras coñecerse a sentenza que condena a penas de ata 13 anos de cárcere os políticos do procés.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí