CRTVG

Buscar

En liberdade con cargos os dous detidos nos disturbios nunha manifestación pro-okupa en Santiago

Publicado o 11/06/2017 13:00

A Policía identificou a 16 persoas nas dependencias policiais durante o desaloxo do vello Peleteiro, un centro educativo abandonado no que se pecharan os activistas

Fume, berros, cargas policiais, e moita tensión foi o que se viviu no ensanche de Santiago de Compostela durante esta noite. A manifestación reinvindicativa polo desaloxo a semana pasada dunha casa ocupada acabou con cargas despois de que os manifestanse se pecharan no que fora o antigo centro escolar Peleteiro, agora sen actividade. Houbo dous detidos e máis de vinte persoas identificadas.

A manifestación estaba programada para as nove e media da noite, e partiu da Alameda co apoio dunhas setencentas persoas, segundo diversas fontes, e baixo o lema "Dez, cen, mil centros sociais". 

A protesta dirixiuse polas rúas do ensanche de Santiago, despois de que non puidera acceder á zona histórica, ao non estar notificada na Delegación do Goberno. Cando chegou ao centro escolar Peleteiro, agora abandonado, un cento de persoas accederon ao recinto onde se pecharon. Unha parte acabou saíndo e realizou unha sentada na rúa. Tras unha nerviosa espera, os axentes antidisturbios comezaron a desaloxar os manifestantes un por un. Foi o momento no que se viviron as escenas de maior tensión.

Entre pelotas de goma e fume os axentes conseguiron acceder ao edificio e desaloxar as ducias de persoas que estaban no seu interior. Ao longo da noite os manifestantes foron saíndo do centro. Os axentes trasladaron á comisaría de Santiago os dous detidos, e tamén dezaseis mozos para identificalos. Dende a Delegación do Goberno informaron de que non tiñan constancia de que se producisen feridos durante o desaloxo, e de que tampouco houbo danos en mobiliario urbano.

Galería de imaxes

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/06/2017