CRTVG

Buscar

Os incidentes durante o mitin de Vox en Vallecas deixaron 35 feridos e catro detidos

Publicado o 08/04/2021 00:59

A Policía Nacional cargou contra os manifestantes congregados en Vallecas para protestar polo acto de precampaña de Vox, algúns dos cales lanzaron botellas e outros obxectos contra o líder nacional do partido Santiago Abascal e a candidata para as eleccións desa formación na Comunidad de Madrid Rocío Monasterio á súa chegada.

Ambos chegaron con escolta policial ao acto de precampaña electoral en Vallecas, onde foron recibidos entre os apupos dos manifestantes en contra, que chegaron a acender petardos e bengalas, e os aplausos de apoio dos simpatizantes da formación alí congregados. "Imos facer o acto ata o final", dixo Abascal desde o atril. O presidente de Vox asegurou que recibiu o golpe dunha botella na cara.  "Dezaoito pasos tivemos que dar ata achegarnos a eses miserables. Unha botella golpeoume na cara. Isto é o que conseguiu Sánchez ", sinalou. Así mesmo, lamentou que varios simpatizantes de Vox recibisen golpes.

O acto, previsto para as 19:30 horas, comezou con algúns minutos de atraso nunha praza cun amplo dispositivo policial e chea de xente que non gardou as distancias de seguridade. Decenas de axentes da Policía Nacional acordoaron a praza e liberaron un acceso peonil para facilitar a entrada dos membros de Vox que asistiron ao acto, entre os que figuran tamén o secretario xeral e portavoz no Concello de Madrid Javier Ortega Smith e a deputada Macarena Olona.

Veciños de Vallecas convocaran dúas concentracións en contra do acto: unha de colectivos antifascistas na propia Praza Roxa e outra na veciña praza de Nica. Ademais, o distrito madrileño amenceu con carteis en contra da formación. Vox denunciou ante a Delegación de Goberno e a Xunta Electoral Central a "ameaza de boicot" e esixiu garantir a celebración do acto sen impedimentos.

Os disturbios rexistrados durante o mitin de Vox en Vallecas deixaron 35 feridos, 21 deles axentes da Policía Nacional. Tres dos catro detidos polos incidentes eran menores. 

O líder de Vox responsabiliza dos disturbios o Ministro do Interior por non garantir a seguridade, e o departamento de Grande-Marlaska defende que o dispositivo foi o adecuado. PSOE, PP e Ciudadanos condenaron estes actos violentos, mentres que Podemos acusa a Vox provocalos.

Noticias web

08/04/2021