CRTVG

Buscar

Cárcere para móbiles: o regalo estrela do Nadal?

Publicado o 20/11/2019 19:53

Podería converterse nun regalo estrela para o Nadal. Un cárcere? Unha gaiola? Son as preguntas que se formulan os que o ven por primeira vez. E cando lle preguntamos que se podería meter dentro, algúns botan man do enxeño e din: "Persoas ruíns". 

En realidade, trátase dun cárcere para móbiles co seu cadeado e a súa chave. É dicir, unha especie de cela en que podemos introducir os terminais e logo pechar a porta. Deste xeito búscase evitar as distraccións en ceas familiares e xuntanzas entre amigos.

Ana, quen vende estes cárceres, comenta que á xente adoita facerlle moita graza a primeira vez que ven como funciona, aínda que case todos acaban recoñecendo ter certa adicción ao teléfono móbil. "En xeral está tendo unha boa acollida", engade.

Unha rapaza cre que estaría ben que cando se vaia "tomar algo", o cárcere para móbiles estea no centro da mesa. Outro señor quéixase de que agora "todo é chatear".

Ana, a vendedora, opina que este obxecto debería servir para que a xente reflexione, que "se deixe un pouquiño de tanta pantalla" e estea máis pendente das persoas que están ao seu carón.

Neste senso, outra señora quéixase de que os seus netos apenas falan mentres comen. E un mozo fai a seguinte reflexión: "Nós deixamos de conversar e por iso sería importante que os móbiles estivesen aquí dentro", sinalando o cárcere para móbiles.

Iso si, cómpre pensar quen queda máis contento: o que recibe o regalo ou o que o fai.