CRTVG

Buscar

Carballo e outros 16 concellos quedan con restricións máximas

Publicado o 23/02/2021 13:56

Dezasete concellos galegos quedan como ata agora, coas restricións máis duras. Teñen unha incidencia acumulada de máis de 500 casos por 100.000 habitantes, o que se considera de risco máximo.Na provincia da Coruña son: Moeche, Cabanas, Aranga, Toques, Corcubión, Malpica, Ponteceso e Carballo.

"É o que hai, que lle imos facer", di un home en Carballo.

Carballo é o concello máis poboado dos que quedan neste grupo. Con algo máis de 30.000 habitantes, levan máis dun mes pechados e coas medidas máis restritivas.

"Non pasa nada, prefiro estar así a que desescalemos e dentro de dous días volver estar mal", di unha muller de Carballo. E un home afirma: "É duro, sobre todo para a xente que non pode moverse, nin traballar. A ver se mellora".

Cuns 200 casos activos, nos últimos catorce días diagnosticáronse 162 novos contaxios, segundo a información do Sergas. Os veciños non poden saír do municipio agás causa xustificada. Só se poden xuntar coa xente coa que viven e a hostalería segue pechada, unicamente con servizo para levar. 

Gonzalo Álvarez Nogareda, secretario da Asociación de hostaleiros de Carballo: "Sentímonos totalmente enganados cos 75 millóns das axudas que ían ser para nós. Non digo que os demais non as necesiten, pero que non digan que son para nós e logo sexan para repartir, e cunhas condicións que moita xente non pode acceder a ela".

No grupo con restricións máximas están incluídos os concellos lugueses de Guitiriz, O Corgo e A Pontenova; o pontevedrés de Catoira e, na provincia de Ourense, Gomesende, A Peroxa, Larouco, A Gudiña e Xunqueira de Espadanedo.




 

Noticias web

23/02/2021