CRTVG

Buscar

O Carballiño celebra unha atípica Festa do Polbo polas restricións

Publicado o 08/08/2021 15:08

O Carballiño celebra a edición número 59 da súa histórica Festa do Polbo, coas restricións impostas pola pandemia. Unha trintena de restaurantes e postos na rúa ofrecen racións de polbo, ao non poder celebrarse a multitudinaria festa no parque municipal.

A media mañá xa fervía o polbo nas caldeiras. Unha decea de restaurantes da vila participan nas xornadas gastronómicas, coas medidas sanitarias impostas pola pandemia.

Juan José Álvarez Barroso, polbería A Fuchela: "Estamos ao 30 % no interior, 50 % no exterior, máximo 6 persoas dentro e dez fóra".

A pé de rúa, unha vintena de pulpeiras ofrece o seu produto ao prezo estándar da temporada: 9 euros a ración.

Nuris Ribadeneira, polbeira: "Polbiño coma sempre, á feira: sal, aceite, pemento e vía".

María Isaura González, polbeira: "É o que se chama unha festa de pote. Cando non hai orquestra ou non pode saír o santo, faise a comida en familia e punto".

Por seguridade, coma o ano pasado, suspendeuse a festa multitudinaria do parque municipal, pero moitos visitantes achegáronse igualmente ao Carballiño neste día tan sinalado no seu calendario.

"Hai polo menos 60 anos que vin por primeira vez, e encántame". "Viñemos de visita a Galicia, miramos en Internet e era visita obrigada". "Vimos de Francia, cerca de Luxemburgo, e vimos de vacacións, temos familia preto de aquí, en Xinzo". "Eu son de aquí, do Carballiño, e non quero perder a Festa do Polbo", comentan varios comensais.

Tamén se deixou ver pola rúa Octavio, a mascota oficial desta histórica festa que fai xa 59 anos, unha das máis lonxevas de Galicia.

Noticias web

08/08/2021