CRTVG

Buscar

O comité de empresa denuncia falta de transparencia e o momento elixido para a venda das plantas de Alu Ibérica

Publicado o 16/04/2020 14:36

Nun comunicado, Alu Ibérica di que Parter Capital, o grupo que hai menos dun ano mercou as factorías de Alcoa da Coruña e Avilés, deciciu agora vender case o 75 por cento das accións a un fondo con sede en Madrid, pero dependente doutro ucraíno.

Di que buscaba un socio estratéxico e este resultou ser o mesmo que o ano pasado xa se interesara na compra de Alcoa. É o grupo Capital Riesgo. A operación pechouse sen que o soubera nin o comité nin o Goberno, que no seu día mediou na compra. 

O novo propietario asegura que vai reactivar as instalacións e preservar os postos de traballo, que Parter se comprometera a manter dous anos. Pero a incerteza entre os traballadores é grande.

Juan Carlos Corbacho, presidente do comité de empresa da factoría da Coruña, di: "Non son as formas de presentar algo así, sen documentación.. e aproveitar esta pandemia para facelo...".

Fontes sindicais aseguran que esta operación levaba fraguándose dende setembro e que se formalizou hai mes e medio. Por iso denuncian falta de transparencia e piden que o Ministerio de Industria, dea explicacións.

 

Noticias web

16/04/2020