CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

Cantareiras e pandeireteiros participan no VIII Encontro das Ferreñas de Bos Aires

Publicado o 12/08/2017 21:38






Bos Aires acolleu o 8º Encontro das Ferreñas, un evento que reúne algúns dos máis destacados cantareiros e pandeireteiros do país austral. Galegos da diáspora que manteñen vivo o noso folclore na chamada quinta provincia.

Os mellores cantareiros e pandereteiros da Arxentina déronse cita na oitava edición do 'Encontro das ferreñas' de Bos Aires.
Unha xuntanza na que escenificaron algúns dos cantos e toques máis característicos da nosa música tradicional, recollidos no rural galego.

As dez agrupacións participantes deixáronlle claro ó público que a semente da nosa tradición oral xermolou con forza en América.

"Hai moi bo nivel de cantareiras e ademais as rapazas e os membros dos conxuntos perfecciónanse alí en Galicia", conta Mira Gosende, do grupo Mouchos e Coruxas.

"De a pouco hai novos grupos que van saíndo na Arxentina e ímonos dando conta por Facebook ou porque nos avisan: mira formamos un grupiño e queremos comezar a cantar", engade Analía Espinosa, integrante da agrupación de cantareiras da Sociedade Parroquial de Vedra.

"Para min polo menos é boísimo porque te vas alimentando dos diferentes grupos e vas vendo como cada un, co seu estilo, sente a Galicia", di Araceli Fernández, integrante da agrupación folclórica 'Os Xarelos'.

Alalás, muiñas e xotas exténdense polo vasto territorio arxentino e hoxe atopamos agrupacións folclóricas galegas dende a selva do Iguazú, á xélida Patagonia, pasando polos viñedos mendocinos.

"É digno de que sexa visto, non solo para os galegos senon para A Arxentina tamén", asegura Julio César Álvarez, Presidente da comisión organizadora.

Os organizadores do 'Encontro das ferreñas' agardan seguir medrando e que, ano a ano, a Arxentina siga coñecendo unha arte que honra a Galicia.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí