CRTVG

Buscar

Cancelan oito voos en Peinador a causa da borrasca

Publicado o 19/12/2019 15:15

Elsa tamén afectou os aeroportos galegos. As maiores incidencias rexistráronse en Peinador que hoxe recupera a normalidade, proba diso é o avión procedente de Madrid que aterrou á primeira hora da mañá sen ningún problema.

Iso si, as últimas vinte e catro horas o aeroporto vigués rexistrou distintas incidencias a causa do temporal. Elsa deixou un balance de oito voos cancelados e máis de mil pasaxeiros afectados. Deles, un procedente de Madrid non puido aterrar e tivo que regresar a Baraxas, outros xa foron directamente cancelados e non chegaron a saír da capital ante as dificultadas para tomar terra en Vigo.

O último voo da noite tivo que ser desviado a Santigo, polo que esta mañá os pasaxeiros que debían tomar ese avión foron trasladadados en autobús á Lavacolla.

Arestora os tres aeroportos galegos funcionan con total normalidade e non se agardan cambios para a tarde.

Preocupante tamén a situación dos encoros galegos que medraron nunha semana cinco puntos. O de Velle, en Ourense, por exemplo, está botando auga sen parar ao río Miño, está arestora ao 75% da súa capacidade e vai a máis porque se agarda que siga chovendo durante toda esta xornada.

De media os encoros da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil están ao 83% da súa capacidade e os de Galicia-Costa ao 91%.

A reserva dos encoros está moi por riba da media histórica, subiu só nunha semana cinco puntos. Estamos falando de 30 puntos por riba do habitual. Dende o mes de outubro choveu en Ourense un 50% máis que o ano pasado por estas datas.

Noticias web

19/12/2019