CRTVG

Buscar

Cancelan o Resurrection Fest XS ao non ceder o Concello de Viveiro as instalacións

Publicado o 12/08/2020 20:18

Cancélase o Resurrection Fest tras o anuncio por parte do Concello de Viveiro de que non autoriza este ano a cesión das instalacións municipais para a súa celebración, "co único obxectivo de preservar a seguridade e saúde" dos veciños da localidade.   

Tras as queixas e dúbidas dos veciños, a organización do festival reivindicou as medidas de  seguridade coas que pretendía implementar en 2020 este Resurrection  Fest en formato reducido, pero o consistorio tomou esta mañá a decisión de "non outorgar a cesión das instalacións  municipais para a celebración do Resurrection Fest".

Precisa que aínda que "nun  primeiro momento" considerou "acertadas" as medidas de seguridade que se ían aplicar "dentro do recinto", optou pola negativa "despois de darlle moitas voltas". Así mesmo, fixeron fincapé en que o problema non estaría dentro do recinto, senón no exterior, nas  rúas e nos espazos públicos de Viveiro durante os  dez días en que estaba previsto celebrar o festival, en que "non sería posible  garantir a seguridade".

A organización do festival xa emitiu un comunicado a través das redes en que lamenta que o Concello "cancele" o Resurrection  Fest XS ao "retirar finalmente ou permiso"  á realización  do ciclo "de  concertos seguros". Tamén indican que lle "apena" este "cambio de opinión e decisión final", que  non comparte "en absoluto",  aínda que  non entra a valorar "os motivos polos cales se  tomou".