Cancelan a Feira Conxemar pola incerteza causada polo coronavirus
A organización da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados (Conxemar) decidiu cancelar a edición de 2020, prevista para o 6, 7 e 8 de outubro, debido á "incerteza e o impacto económico" da pandemia do coronavirus.
Nun comunicado, os promotores de Conxemar anuncian que, tras semanas de avaliación da progresión da pandemia e tras consultar coa maioría dos seus clientes, decidiron cancelar a vixésima segunda edición da feira.
"Debido á situación actual de incerteza, con restricións para viaxar a nivel internacional e sendo a seguridade de expositores e visitantes nosa maior preocupación, a asociación decidiu cancelar este evento", afirma na súa nota Conxemar.
"Lamentamos profundamente esta decisión, sendo conscientes do que significa para os nosos clientes e a nivel económico, especialmente nestes momentos tan duros, para a nosa cidade, á que estamos moi agradecidos polo apoio que sempre nos deu desde o inicio da nosa feira", engaden os seus organizadores.
A próxima edición de Conxemar celebrarase, pois, do 5 ao 7 de outubro de 2021 no Instituto Feiral de Vigo.
Para entón, os organizadores esperan "poder contar coa ampliación de 5.000 metros cadrados" que vén demandando con insistencia, mesmo a tempo para a edición deste ano, que finalmente se cancelou.