CRTVG

Buscar

Cancela di que o BNG non foi leal á presidencia de Touriño durante o bipartito

Publicado o 23/09/2019 14:53

Pilar Cancela defendeu a negativa de Pedro Sánchez a gobernar en coalición con Podemos poñendo como exemplo o bipartito autonómico galego que os socialistas formaran co BNG en 2005. Cancela culpou o daquela vicepresidente da Xunta, o nacionalista Anxo Quintana, de non ser leal ao que era o xefe do Executivo, Emilio Pérez Touriño: "Cando hai dous liderados tan potentes de dúas organizacións políticas, iso é unha bicefalia. Nós temos experiencia en Galicia de que nós perdemos o goberno da Xunta de Galicia porque a cidadanía percibiu que había dous presidentes. E que ademais un actuaba ás costas do outro", dixo nunha emisora de radio a deputada socialista no Congreso.

A voceira nacional do BNG, que xa era deputada autonómica cando Anxo Quintana exerceu a vicepresidencia da Xunta, respondeulle este luns. "A verdade parécenme unha saída de ton esas declaracións. Se algo non tivo que ver no fracaso das negociacións foi Galicia nin o que pasara no pasado", sinalou Ana Pontón.

Pola súa banda, o voceiro parlamentario do PSdeG defende que a presidencia de Touriño da man do BNG tivo cousas boas e malas. Pero dá o modelo de coalición por superado: "Todos temos na cabeza os éxitos e as dificultades de distintas experiencias previas. Analizámolas e intentamos superalas en positivo buscando eses acordos estables con outras forzas políticas progresistas", apuntou Xaquín Fernández Leiceaga.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/09/2019