CRTVG

Buscar

Camps nega relación coa Gürtel: "Co Bigotes non daría nin un paso"

Publicado o 18/06/2020 19:30


O ex-presidente da Generalitat Valenciana Francisco Camps negou no xuízo do caso Gürtel que ordenase adxudicacións á trama corrupta e asegurou que co seu responsable en Valencia, Álvaro Pérez O Bigotes non "daría con nin un paso".

A Audiencia Nacional retomou este xoves o xuízo dos 24 acusados da peza do caso Gürtel seguida por supostas adxudicacións irregulares á rede liderada por Francisco Correa con motivo da visita do papa Bieito XVI a Valencia en xullo de 2006.

Francisco Camps, investigado noutra causa por adxudicacións da Genetalitat, declarou como testemuña por videoconferencia desde Valencia, acompañado polo seu avogado, e negou que ordenase adxudicar a empresas de Correa unha montaxe de pantallas e son para a visita do Papa a través da Radiotelevisión Valenciana ( RTVV).

Camps negou o mantido por Correa e Pérez respecto a que lles prometía negocios en Valencia e asegurou que non falou con Alegandro Agag, marido da filla do ex-presidente do Goberno José María Aznar, de dar un trato de favor ao Bigotes cando se instalou en Valencia coa empresa Orange Market. Asegurou que non coñecía a Correa e que a súa relación con Pérez se debía aos traballos que realizaba para organizar actos do PP pero aclarou: "Non din orde para contratar con el" e "nunca estivo no meu despacho no Palacio da Generalitat".

Apostilou que con quen Pérez tiña relación era co entón secretario xeral do PP en Valencia, Ricardo Costa, pero non con el nin co ex-presidente das Cortes Valencianas Juan Cotino, que declarou neste xuízo como acusado antes de falecer por coronavirus.

Preguntado polo avogado de Pérez por que nunha conversa telefónica se dirixiu ao Bigotes como "amiguiño da alma", sinalou: "Era Noiteboa e saíume iso", e sobre a lealdade que lle pediu durante a charla indicou que se refería ao partido e non aos negocios investigados no caso Gürtel. Ademais, engadiu que noutra conversa que tiveron o día de Reis lle indicou a Pérez que lle ía devolver os agasallos que lle enviaba a el, á súa esposa e á súa filla. Camps aclarou que, se foi á voda de Álvaro Pérez, é porque llo pediu Ricardo Costa. 

Noticias web

18/06/2020