CRTVG

Buscar

A primavera é a mellor época para colocar trampas para capturar as raíñas da avespa 'velutina'

Publicado o 07/04/2021 18:55

 

"A trampa máis sinxela que podemos facer é con dúas botellas pequenas, unha cortámola así, e á outra facémoslle dous cortiños e xa teriamos a trampa feita. Como cebo, imos empregar, un pouquiño de zume e un pouquiño de cervexa. É igual que tipo de zume e que tipo de cervexa, isto vainos servir de atraínte".
"No mes e abril e maio as raíñas da avespa 'velutina' están buscando para facer un niño. cada 'vespa velutina' que collemos agora vai supór que no verán imos ter un niño menos", explica Raúl Basalo, apicultor e colaborador de Protección Civil de Allariz. 

Colocando as trampas en árbores con flores ou en pendellos abertos van capturando as 'velutinas'

"Algunha puxen, porque xusto ao lado da casa tiven un niño bastante grande. Entón este ano xa puxen un par delas para evitar que volvan aniñar por alí", explica un veciño de Allariz.

Para que os veciños aprendan a elaborar trampas tan sinxelas coma esta coas que poden capturar a raíña da avespa 'velutina', Protección Civil de Allariz, está a levar a cabo unha campaña de información e concienciación na loita contra esta especie invasora.

"A 'velutina' ao ser unha especie invasora ocasiona moitísimos problemas tanto de seguridade cidadá e tamén nas colmeas, porque se alimenta principalmente de abellas e doutros insectos polinizadores, de froita, de uva, tamén". "Aquí Protección Civil de Allariz e a Concellería de Medio ambiente están retirando moitísimos niños, pero non se dá abasto", asegura Raúl Basalo, apicultor e colaborador de Protección Civil de Allariz.

Unha praga difícil de erradicar e apicultores e veciños van aprendendo a combatela. En 2020 segundo datos oficiais retiránronse en Galicia 16.700 niños da avespa 'velutina'.

 

Noticias web

07/04/2021