CRTVG

Buscar

Bos días

Campaña electoral na Arxentina co humor e o medo nas rúas

Publicado o 11/11/2015 09:34

A campaña electoral arxentina tínguese de medo e algo de humor nun último intento dos candidatos presidenciais, o oficialista Daniel Scioli e o opositor Mauricio Macri, por chegar á Casa Rosada.
A través de carteis na vía pública ou mensaxes cun cariz humorístico nas redes sociais, militantes dunha e outra forza tentan desacreditar o contrario nunha campaña que moitos cualifican de sucia e desesperada.

A menos de 15 días duns comicios inéditos na Arxentina que escollerá en segunda volta ó novo presidente, a estratexia do medo instaurouse na campaña.

Carteis nas rúas e mensaxes baixo o hashtag #SiMacriGana inundan as redes sociais como unha estratexia da militancia oficialista para mostrar os supostos riscos de ter como presidente do país ó candidato por Cambiemos, Mauricio Macri.

Aníbal Fernández, xefe do Gabinete da presidencia arxentina
"Dicir a verdad é meter medo? Ou será que eles practican políticas de medo que a sociedade ten que coñecelas?"

Pero en só unhas horas os macristas fixeron mudar as tornas e a iniciativa volveuse en contra do oficialismo. Fotomontaxes en ton humorístico baixo o lema "Bu, con medo votas mellor", satirizan agora sobre todo o que ocorrería se o electo fose o conservador.

Mauricio Macri, candidato presidencial pola Fronte Cambiemos

"Estamos nunha campaña en onde o que goberna, como perdeu a capacidade de namorar, perdeu a capacidade de entusiasmar, de crear esperanza, o que lle queda é calumniar, é buscar redobrar o medo co que xa gobernou todos estes anos".

A campaña Bu conta xa con máis de 100.000 seguidores en Facebook e os expertos aseguran que utilizar o medo na campaña é unha mostra de desesperación.

Macri e Scioli terán unha nova oportunidade de convencer o votante indeciso no debate electoral que protagonizarán este domingo.

Polo momento, as últimas sondaxes sitúan o opositor Mauricio Macri como gañador do "ballotage", o 22 de novembro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

11/11/2015