CRTVG

Buscar

Campaña de Tráfico para controlar os patinetes eléctricos nas cidades

Publicado o 26/10/2021 15:20

A mobilidade urbana está en transformación, e os patinetes eléctricos chegaron para quedar. Lixeiros, manexables e non contaminantes, convértense nunha alternativa cada vez máis apetecible para moverse pola cidade. Sobre todo para a xente nova con conciencia ecolóxica, sen carné de conducir e con necesidade de desprazarse no trazado urbano.

Pero o seu uso require do cumprimento das normas para garantir a convivencia co resto de vehículos e, sobre todo, cos peóns. Algo que non está a resultar moi doado.

Quéixanse, sobre todo, os peóns, porque vén invadido o espazo reservado para ir a pé. Porque moitos usuarios destes vehículos seguen empregando a beirarrúa para desprazárense.

As novas normas de circulación que entraron en vigor en xaneiro limitan o uso deste tipo de vehículos de mobilidade persoal, tanto patinetes eléctricos como bicicletas, á zona da calzada, con sancións de 200 euros para os infractores. Pero ante o alto grao de incumprimento desta norma, Tráfico pon en marcha unha campaña informativa e de vixilancia para lembrarlles as súas obrigas aos usuarios.

Desde a Garda Civil de Tráfico, Héctor Teixeira resume a normativa: "Están suxeitos ás mesmas normas que o resto de condutores, en canto a alcol e drogas, tamén respectar a sinalización, semáforos... e non poden circular polas beirarrúas".

Tampouco por vías interurbanas, algo frecuente en Galicia, nin por autoestradas, autovías ou túneles urbanos. Na actualidade tramítase, ademais, a obrigatoriedade do uso do casco.


 

Noticias web

26/10/2021