CRTVG

Buscar

Tráfico intensifica os controis sobre o transporte escolar

Publicado o 30/11/2020 15:05

A Dirección Xeral de Tráfico desprega esta semana un campaña de control sobre o transporte escolar en Galicia, a comunidade que maior número de rutas ten cara aos colexios. Calcúlase que arredor de 90.000 alumnos e alumnas utilizan os buses escolares para desprazarase ata uns 700 centros de ensino púlbico na comunidade autónoma.

O obxectivo desta campaña é preservar a seguridade da cativada que vai aos centros públicos do país. "O que tratamos de verificar é que os nenos viaxen seguros", sinala Héctor Teixeira, axente de tráfico.

Infracións de carácter administrativo

Entre outras medidas, examinarase que en cada autobús viaxe un monitor ou monitora e que o vehículo conte con cintos de seguridade en cada asento e tamén cun tacógrafo que controle as horas de condución. Por suposto, revísanse as condicións físicas do condutor e as condicións técnicas de seguridade.

Ademais, os condutores serán sometidos a controis de alcol e drogas. "As probas de alcohol e drogas é unha constante en todos os controis que facemos", explica. Malia que no que vai de curso se detectaron dous positivos en alcohol e dous en drogas, Teixeira explica que son unha grande minoría e chama á tranquilidade.

A maioría das infracións nestas campañas son de carácter administrativo. "O groso adoita ser de non realizar os visados correctamente, esa é a maior parte das infracións", indica Teixiera, ao que engade "as irregularidades de tipo técnico".

A importancia destes controis descansa non só na seguridade dos nenos, senón na totalidade dos usuarios e usuarias das estradas galegas: "Non son só un perigo para os viaxeiros do autobús, senón para o resto de usuarios da vía", sinala Teixeira.

 

Noticias web

30/11/2020