CRTVG

Buscar

As provincias de Ourense e Lugo súmanse nos próximos días aos cribados en farmacias

Publicado o 19/05/2021 15:15

A campaña de cribado dende as farmacias está destinada a pacientes do Sergas que teñan entre 12 e 64 anos. O kit que se lles entregará de xeito gratuíto vai acompañado das instrucións para realizar a proba na casa. Só hai que recoller unha mostra de saliva á primeira hora da mañá e introducila no tubo.

Ana Gago Sampedro, farmacéutica titular , explica o procedimento: "O tubiño ten un adhesivo, o mínimo é chegar á marca que ten o tubo para que haxa a maior parte de mostra posible e logo o tubo péchase e tráese á farmacia, onde facemos a recollida para facelo rexistro e envialos ao laboratorio. É algo sinxelo"

Na provincia da Coruña comezan esta tarde, en Pontevedra levan xa dende o día 28 de abril e Ourense e Lugo sumaranse nos vindeiros días. Estas probas que se ofrecen nas farmacias representan outra opción para detectar persoas que poden estar infectadas coa covid-19 e ser asintomáticas, e que polo tanto se converten en axentes de contaxio. O mesmo obxectivo que se persegue cos cribados poboacionais.

Patricia Pardo é unha das pacientes do Sergas ás que vai destinada a campaña, ela opina que "os cribados que se fan, unha que non se fan en todos os concellos nin en todas as idades, entón isto é unha maneira de poder acceder a un cribado por ti mesma, sen ter que esperar a unha cita."

As únicas excepcións, as persoas que non poden realizar estas probas, son aquelas que fixeron unha PCR nos últimos quince días, as que tiveron un resultado positivo en covid-19 nos últimos tres meses ou aquelas que xa están sendo obxecto dun seguimento por considerarse contacto estreito dun positivo.

Noticias web

19/05/2021