CRTVG

Buscar

Cambre celebra o IV Cromático Mural Fest con muralistas consolidados

Publicado o 26/07/2021 23:09

O barcelonés Slim Safont, o primeiro dos grandes nomes propios desta cuarta edición do Cromático Mural Fest volve á infancia en Cambre. Unha parede sucia e mal pintada será agora unha pequena obra de arte limpa que axude a combater ese tipo de feísmo que son as pintadas vandálicas.

O muralista Slim Safont di que esta obra que está pintando  ten un valor persoal para el porque é unha foto da súa compañeira cando era pequena. Conta que a escolleu porque lle gusta moito a composición, as cores e a luz, como encaixa coas fiestras do muro sobre o que pinta en Cambre.

Unha nena bailando dentro da casa como unha oda ao tempo e ás cousas raras que tivemos que facer entre catro paredes nos confinamentos. Esta é a proposta de Slim, pero nestes días veremos as obras doutros artistas coñecidos, como o arxentino Franco Fasoli.

O Cromático Mural Fest parte da idea de mellorar o que vemos arredor, embelecer as zonas das cidades maltratadas polo urbanismo e achegar ao cotián e á xente un punto de vista artístico.

Arcadi Poch, o novo comisario do Cromático Mural Fest de Cambre conta que xa non se trata só de traballar en  superficies degradadas senón de intentar crear unha nova iconografía con novos valores para a cidadanía. Porque, como di Poch, ese é o valor da arte urbana e do muralismo.

Slim Safont conta que o muralismo pretende tamén reivindicar algunhas ideas pero ten esta cara máis artística que ao final lle da cor e vida ao barrio. Ademais, engade, é habitual que se respecte o traballo, e os grafiteiros non pintan por riba dos murais. Así que, co permiso deles, o lenzo perdurará.

Noticias web

26/07/2021